Antón Avilés de Taramancos. 1989
Avoa, nai anterga ensumida na terra,apodrecido, cando mastigo o pan estou bicando o teu sangue inmortal apodrecido, o froito do teu corpo semeado: a túa saiva
que através dos séculos renasce.
¡Doce esterco da vida! Bebo a auga
do cano dos teus ósos cando bebo.
Aniñada nos eidos teces a inconsútil firmeza
do adival que me guía e asegura: Ariadna.
É a túa man a que revive o lume,
pomba escura do tempo na lareira.
De ti provén a ascua e o fermento do canto,
a sillaría na que me sinto forte, o arco
do costelar que afondas, as raíces
minerais que sustentan
do xerme do teu colo, a miña vida.